Galician NL Project / Proxecto Galego

Norma de publicación

LibreOffice está sempre dispoñíbel en dúas ramificacións ou gallas: a última edición con todas as novas funcionalidades e melloras (e.g. LibreOffice 4.1), e unha liña de edición previa (i.e. LibreOffice 3.6). As edicións fanse de acordo cun calendario de edicións determinado (vexa a seguir).

Non todos os usuarios son quen de usar as novas edicións inmediatamente. Os usuarios de entidades con entre centos e milleiros de escritorios necesitan tempo para probar e despregar as novas versións no seu entorno. Tamén moitos usuarios de Linux delegan no seu distribuidor de Linux para que lles forneza as novas versións de LibreOffice - isto tamén leva o seu tempo.

Por razóns coma estas, a Document Foundation continúa a fornecer solucións de erros e de seguranza nas edicións máis antigas tras editar unha nova versión; no entanto, como regra xeral, The Document Foundation avisa a todos os usuarios para que se actualicen á nova versión tan cedo como sexa posíbel. Aos usuarios das entidades recoméndaselles utilizar servizos de asistencia técnica profesional para aprobar as novas edicións no seu entorno, notificarlles cando anovar e apoialos a través do proceso, o que implica familiarizar os usuarios e o persoal de apoio coas (novas) funcionalidades.

Non é correcto asumir que as versión de ramificacións previas son «máis seguras» ou «máis estábeis». O software LibreOffice mellora continuamente. As novas edicións actualízanse regularmente sobre a base das valoracións e suxestións dos usuarios, e así, ofrece vantaxes sobre as edicións antigas que, por suposto, reciben menos atención e comentarios.

O calendario de edición da LibreOffice está esquematizado aquí e os detalles dos nosos criterios de edición pódense atopar nesta páxina.

The Document Foundation e os desenvolvedores da LibreOffice aprecian fondamente os comentarios e valoracións de vostes, os nosos usuarios. Estes cometnarios é  unha axuda que non ten prezo para a mellora do noso produto.

Para obter máis información, vexa a Sección QA neste sitio e na nosa páxina sobre QA (aseguramento da calidade) do wiki.